top of page

Xornada inaugural da XXII Semana de Cine Euroárabe AMAL: Proxección da película “The Teacher” e coloquio posterior co actor palestino da cinta, Muhammad Abed Elrahman



A Semana de Cine Euroárabe AMAL 2024 inaugurarase o luns coa proxección de “The Teacher”, un drama humano ambientado nunha paisaxe política en Palestina de Farah Nabulsi, directora nomeada aos Oscar e gañadora dun Premio BAFTA

 

Trala película, celebrarase un coloquio entre o actor palestino do filme, Muhammad Abed Elrahman, e o director de Amal, Ghaleb Jaber Martínez




A asistencia é gratuíta, previa retirada de invitación en Ataquilla.com ou no despacho de billetes do teatro, unha hora antes da sesión.


A Semana de Cine Euroárabe AMAL 2024 dará comezo o vindeiro luns 21 coa súa xornada inaugural, ás 20:00 horas no Teatro Principal. Proxectarase a película “The Teacher”, un drama humano ambientado nunha paisaxe política en Palestina. Tras ver o filme, o actor palestino, Muhammad Abed Elrahman, que interpreta a Adam na película –un rapaz tranquilo e traballador e un dos alumnos favoritos de Basem– conversará co director da Semana de Cinema Euroárabe Amal, Ghaleb Jaber Martínez, nunha charla aberta na que tamén haberá quenda para as preguntas do público. A asistencia é gratuíta, previa retirada de invitación en Ataquilla.com ou no despacho de billetes do Teatro Principal, unha hora antes da sesión.


Sinopse:


Un mestre de escola palestino, Basem. loita por conciliar o seu arriscado compromiso coa resistencia política coa posibilidade dunha nova relación coa traballadora voluntaria Lisa e o seu apoio emocional a un dos seus alumnos, Adam. A cinta recibiu numerosos premios internacionais. Tráiler oficial (Empire Entertainment).


A directora | Farah Nabulsi


Farah Nabulsi é unha directora palestino-británica defensora dos dereitos humanos. Foi nomeada aos Oscar e gañou un premio BAFTA pola súa curtametraxe “The present” no 2021. Fundou unha produtora a través da cal escribe, produce e dirixe as súas filmes de ficción, explorando temas que lle importan.

 

Menú Amal 2024


Como é habitual, o restaurante Caney organizará a Semana Gastronómica de AMAL, do 21 ao 26 de outubro, onde se ofrecerá un menú árabe deseñado por Pedro Roca, chef do restaurante coñecido polo seu gusto pola gastronomía intercultural e que aportará á proposta o seu toque persoal, pero sempre conservando as características e propiedades da auténtica cociña árabe.

 


Comments


bottom of page