A cita será ás 21 horas no Teatro Principal, con entradas á venda en Ataquilla.com ou unha hora antes da proxección no despacho de billetes do Teatro Principal.
A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2021 celebrará mañá xoves, 28 de outubro, a súa cuarta xornada, coa proxección, ás 21:00 horas no Teatro Principal de Santiago ( rúa Nova, 21), da película “ You will die at twenty" ( Satamoto Fel Eshreen) en versión orixinal con subtítulos en castelán, co apoio do Festival de Cinema Africano de Tarifa (FCAT).
Longametraxe de ficción, dirixido por Amjad Abu Alala e coproducido por Sudán, Francia, Exipto, Alemaña, Noruega e Qatar en 2019. Sudán, provincia de Aljazira, na actualidade. Pouco despois do nacemento de Muzamil, o xefe relixioso do pobo a súa morte aos 20 anos. O pai de Muzamil non acepta esta maldición e abandona á súa familia. Sakina, a nai, ocúpase soa do seu fillo, protexéndoo en exceso. Pero un día, Muzamil cumpre 19 anos.
O DIRECTOR | AMJAD ABU ALALA
Amjad Abu Alala é un director e produtor sudanés. Traballou realizando documentais para canles de televisión árabes e occidentais e fixo varias curtametraxes con certo percorrido en diferentes festivais. A súa primeira película, “You will die at twenty”, foi premiada no Festival Internacional de Cinema de Venecia (Premio "Luigi de Laurentis, Venecia 2019), e recibiu outros premios como o de Mellor longametraxe de ficción na edición do FCAT 2020, así como os premios ao mellor filme no Al Gouna Film Festival e premio ao mellor director no Malmö Arab FF en 2019.
Comments