A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2018 chega mañá xoves, 25 de outubro, á súa cuarta xornada cinematográfica no Teatro Principal de Santiago co documental COMANDANTE ARIAN e o longametraxe ALMA MATER ( Insyriated), que se poderán ver en versión orixinal subtituladas en español. A mensaxe desta nova edición de Amal pretende achegar a cultura árabe e a galega, e para iso creáronse unha serie de tweets, co hashtag #EuSonOTeuVeciño, para trasladar á sociedade mensaxes de xenofobia vistos en redes sociais co obxecto de facer chegar a cultura árabe e alcanzar unha sociedade máis xusta e tolerante.
A primeira cinta da programación de mañá ás 20:00 horas será COMANDANTE ARIAN, un documental de 2018 dirixido por Alba Sotorra e de produción española, alemá e siria. É a historia sobre a emancipación e a liberdade en plena fronte da guerra de Siria, onde a comandante Arian, de 30 anos de idade, guía cara a Kobane a un batallón de mulleres coa misión de liberar á poboación que vive baixo o xugo do Daésh ( ISIS). Alba Sotorra explica que cando estalou a guerra de Siria, as mulleres kurdas tomaron as armas contra o Dáesh ( ISIS) e formaron a YPJ, as Unidades de Defensa das Mulleres. Tras seguir as noticias sobre as atrocidades que o Dáesh estaba a cometer na rexión, especialmente contra as mulleres, Sotarro sinala que lle pareceu incrible que a forza máis combativa, que xurdise como resposta a eses monstros, fóra precisamente unha forza formada por mulleres. En concreto, indica que tras o ataque de Dáesh á cidade kurda de Kobade a finais de 2014, as milicias de mulleres conseguiron meses despois expulsar aos fundamentalistas islámicos da cidade. E foi entón cando a directora decidiu viaxar e coñecer ás mulleres que estiveran á fronte desa batalla.
“Coñecín á comandante Arian aos poucos días de chegar a Kobane, enseguida entendémonos moi ben e así me convertín na súa sombra. Sentín que ela personificaba o espírito daquelas combatentes, así que decidín contar a súa historia e ao seu lado participei na operación que puxo fin ao asedio de Kobane. Non me podía imaxinar que un ano despois Arian recibiría cinco disparos de bala durante unha ofensiva do Dáesh” –lembra–.
ALBA SOTORRA ( Reus, 1980) é unha directora e produtora independente. As súas películas céntranse en historias comprometidas cos conflitos políticos, sociais e humanos dos nosos días. Viviu en diferentes lugares do mundo, pasando longos períodos no medio Oriente, especialmente en Siria, Turquía, Irán e Qatar.
O equilibrio da rutina, cuestión de vida ou morte Amal continuará mañá na súa sesión das 22:00 horas coa proxección do longametraxe ALMA MATER ( Insyriated), produción de Bélxica, Francia e Líbano dirixida por Philippe Van Leeuw. A ficción conta como Oum Yazan, nai de tres fillos, atrapada dentro da súa casa nunha cidade asediada en Oriente Medio, converteu o seu apartamento nun porto seguro para a súa familia e veciños, tratando de protexelos da guerra. Cando as bombas ameazan con destruír o edificio, os francotiradores converten os patios en zonas mortais, e os ladróns entran a reclamar as súas terribles recompensas, manter o equilibrio da rutina dentro das paredes convértese nunha cuestión de vida ou morte. A película recibiu o premio do Público na sección Panorama da Berlinale en 2017, o premio do Público no Festival de Copenhague e tamén a distinción do Público no Festival de Sevilla.
PHILIPPE VAN LEEUW é un director de cinema e guionista belga. Fixo o seu debut coa longametraxe “The Day God Walked Away” (2009).
As entradas poderanse retirar o mesmo día da proxección, unha hora antes do seu comezo, na billetera do Teatro Principal. Ademais, nesta edición poderanse comprar as entradas de forma online na web de VENDA DE ENTRADAS ABANCA