A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2017 e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas celebrará hoxe xoves, ao comezo da sesión das 20:00 horas no Teatro Principal, un acto de entrega simbólica da recadación solidaria do despacho de billetes de AMAL a dúas familias de refuxiados que viven actualmente no Barco de Valdeorras.
O acto contará coa asistencia do presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e director da Semana de Cinema Euroárabe AMAL, Ghaleb Jaber Martínez, e o presidente de honra da Fundación, Ghaleb Jaber Ibrahim, e un representante de cada familia. Jaber Martínez explica que este acto público servirá para "poñer rostro e nome e humanizar a problemática dos refuxiados". Ademais, indica que a doazón íntegra desta edición do festival entregarase persoalmente ás familias no Barco nos próximos meses.
As familias proceden de Siria e teñen tres e dous fillos pequenos cada unha. Unha delas chegou ao municipio ourensán hai un ano e a outra fai tan só dous meses, polo que aínda teñen dificultades para integrarse pola barreira do idioma e a falta de oportunidades laborais. A comarca do Barco de Valdeorras converteuse por méritos propios nunha terra de acollida para os refuxiados, que actualmente ofrece asilo e axuda a 37 persoas (23 adultos e 14 menores).
UN BO PLAN PARA A NOITE DO VENRES
A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2017 chega mañá venres, día 27, ao seu fin coa proxección das películas "Cairo Jazzman", "Headbang Lullaby" e "Os cabalos de Deus". A sesión das 20:00 horas (custo 2 euros) é unha fermoso documental político musical de produción alemá, "Cairo Jazzman", dirixida este 2017 por Atef Ben Bouzid.
A trama conta como o apaixonado Amr Salah, un compositor e músico de jazz exipcio, tenta organizar o Cairo Jazz Festival. Esta será unha empresa arriscada, non só pola súa limitada experiencia, senón tamén polo clima social cada vez máis intolerante. O filme convértese nun retrato atmosférico da capital exipcia. Atef Ben Bouzid é un director e produtor alemán que comezou a súa carreira como xornalista de Euronews, AFP e ARD. Vive e traballa en Berlín. Cairo Jazzman é o seu debut como director.
ENFRONTAMENTOS SOCIAIS E HISTÓRICOS DO POBO MARROQUÍ
Ás 22:00 horas será a quenda de "Headbang Lullaby", unha produción creada por Francia, Líbano, Catar e Marrocos en 2017 e dirixida por Hicham Lasri (custo 3 euros).
A ficción recolle como o 11 de xuño de 1986, despois de que Marrocos fixese historia futbolística ao derrotar inesperadamente a Portugal no Mundial de México, o oficial Daoud recibe a orde de vixiar unha ponte nos arredores de Casabranca que pasa por encima dunha autoestrada deserta e une a dúas comunidades hostís, xa que poderían recibir a visita do rei Hassan II. Alí, Daoud terá que lidar coas particulares poboacións locais, así como facer fronte ás vítimas das revoltas do pan de 1981, nas que participou como garda do goberno. A cinta aborda os temas da historia e o pobo marroquí, os seus enfrontamentos sociais e históricos, así como a natureza da relación entre as institucións e o pobo.
Hicham Lasri naceu en Casabranca. Comezou realizando guións e o seu primeiro texto foi dirixido por Omar Chraibi, e a continuación colaborou con directores da talla de Taieb Louhichi, Lahcen Zinoun, Rachid ou Ouali. "Headbang Lullaby" é a súa quinta longametraxe, unha continuación da súa serie de contos de fadas surrealistas e psicodélicos. Comezou en 2014 con "The Sexa Is Behind", á que lle seguiu "Starve Your Dog" en 2016.
A CONVERSIÓN DE MOZOS EN TERRORISTAS
E para pechar o festival, mañá celebrarase SESIÓN GOLFA (custo 2 euros), ás doce da noite, coa película "Os cabalos de Deus", dirixida por Nabil Ayouch e coproducida por Bélxica, Francia e Marrocos en 2012. Baseada na novela "Las estrellas de Sidi Moumen"de Mahi Binebine, a cinta traza a biografía ficcional dos membros da célula terrorista que provocaron unha onda de atentados o 16 de maio de 2003 en Casabranca. A longametraxe documental mostra en clave realista o proceso de alienación e conversión en potenciais terroristas de mozos procedentes de contornas sociais conflicivos, abandonados á súa sorte.
Durante case dúas horas nárrase a historia de dous irmáns que evolucionan ata converterse en mártires pola fe islámica. O título fai referencia á frase "Voade, cabalos de Deus"·, coa que o profeta Mahoma convocaba á Jihad, agora reinterpretadas por certas células. O filme foi exhibido na sección oficial a concurso "Un certain regard" do Festival de Cannes en 2012 onde conseguiu o Premio François Chalais e recibiu varios galardóns como a Espiga de Ouro á mellor película no Festival de Valladolid- Seminci, o premio "MovieZone" do Festival de Róterdan e o Lumière á mellor película estranxeira de fala francesa en 2014.
Nabil Ayouch naceu en París en 1969 e desenvolve o seu labor dacabalo entre Casabranca e París. Dirixiu curtametraxes, "Lles Pierres bleues du désert" (1992), longametraxes como "Mektoub" e "Ali Zaoua, príncipe de Casabranca" (2000) que representaron a Marrocos na carreira polos Óscar. Máis tarde dirixiu "Une minute de soleil en moins" (2003) e "Whatever Lola Wants" (2008).
Fundou Ali N.Productions, unha produtora cuxo propósito é apoiar o lanzamento de mozos directores, o colectivo G.A.R.P. para reunir a autores, directores e produtores e a Coalición Marroquí para a Diversidade Cultural. Puxo en marcha o Programa MEDA de apoio á industria audiovisual, que presta axuda a produtores e guionistas dos dez países que ocupan a ribeira sur do Mediterráneo. E participou na creación da Asociación Marroquí Contra a Piratería, que actualmente preside.