A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2017, organizada pola Fundación Araguaney-Ponte de Culturas coa colaboración da Consellería de Cultura e o Concello de Santiago, celebrarase a próxima semana, entre os días 23 e 27 de outubro, no Teatro Principal de Santiago (Rúa Nova, 21).
E TI, POR QUE LOITAS 15 anos facendo do cinema a nosa forma de cambiar o mundo é o lema da súa décimo quinta edición e protagonista do cartel, unha pregunta que representa o momento social no que se vive e no que todo o mundo revoluciónase e comprométese co que cre.
O presidente da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e director da Semana de Cinema Euroárabe AMAL, Ghaleb Jaber Martínez, sinala que a organización está convencida que a cultura é unha das máis belas formas de loitar.
“A cultura é un diálogo entre persoas capaz de abrir a nosa mente, e canto máis nos empapemos de diferentes culturas máis medos derrubaremos. Nunha época na que comunicarnos é máis fácil que nunca, na que todos falamos, teño a sensación de que nos esquecemos da importancia de escoitarnos. A ignorancia non significa non saber, se non, non querer saber, e non querer saber, comprender ou escoitar, é o comezo dos grandes conflitos” —explica.
En relación á loita particular de cada persoa, Jaber Martínez considera que todos loitan por causas diferentes, pero asegura que moitos loitan por soños en común.
“Son as pequenas loitas de cada un as que cambian o mundo, mesmo cando loitamos sen sabelo. Hoxe estás aquí, disposto a ver unha película de cinema árabe ou pensando en facelo, e aínda que non o creas, ao facelo, estás a loitar por un mundo máis tolerante” — indica.
A organización de AMAL móstrase orgullosa de levar quince anos loitando por facer do cinema unha ponte entre culturas, un diálogo entre occidente e o mundo árabe. O presidente destaca que en 2017 puidose compartir AMAL con miles de persoas por toda Galicia grazas aos ciclos Amal en Ruta, pero tamén se compromete a seguir loitando, a construír un mundo máis tolerante a través da cultura.
“AMAL significa esperanza, que é o motor da nosa loita"—sentenza.
O público do festival poderá utilizar o hashtag #ETIPORQUELOITAS para compartir os seus propósitos e loitas na procura por conseguir un mundo mellor.
PROGRAMACIÓN AMAL 17
AMAL 17 presenta ao público unha programación completa e diversa con once películas do cinema árabe actual, cinco documentais e seis longametraxes de ficción. A sesión inaugural será o luns-23 ás 20:30 horas, con entrada gratuíta. O resto de proxeccións poderanse ver ao longo da semana, cun primeiro pase ás 20:00 horas (custo 2 euros), e outro ás 22:00 horas (custo 3 euros), e o xoves e venres que tamén se celebrará unha sesión golfa ás doce da noite (custo 2 euros). O punto de venda é o despacho de billetes do Teatro Principal, o mesmo día das proxeccións e unha hora antes do seu comezo.