top of page

AMAL16 inaugúrase este luns coa curtametraxe "Ave María" da man do seu director Basil Khal


A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2016 está a piques de comezar. Esta décimo cuarta edición da semana de cine chega cargada con once películas centradas case na súa totalidade no papel da muller nas súas diversas facetas: muller loitadora, traballadora, nai- na sociedade musulmá, e na sociedade europea, e dirixidas tamén na súa maioría por mulleres. A sesión inaugural será o vindeiro luns, día 24, ás 20:30 horas no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela (Rúa Preguntoiro, 23), con entrada gratuíta. O público poderá ver a curtametraxe "Ave María" (2015), unha produción palestino-franco-alemá, de 14 minutos de duración, rodada en hebreo e árabe polo director palestino Basil Khalil, e cun guión excepcional de Daniel Yáñez, guionista de familia galega. Tras ver a curtametraxe, celebrarase un coloquio para comentar co director e o guionista o tema da cinta e como resultou a súa gravación.

A curta cómica conta a historia dunhas monxas cristiás do convento das Irmás da Misericordia, situado no medio do deserto de Cisxordania, que ven a súa rutina diaria de silencio e oración interrompida cando unha familia de colonos israelís estrela o seu coche na parede do convento, minutos antes do comezo do Shabat (xornada de descanso relixiosa xudía). En "Ave María", Basil Khalil logrou compactar unha comedia sinxela que cuestiona o humor e os dogmas relixiosos en Terra Santa e que conta cun toque moi español grazas ao guión de Yáñez. Combina a relixión, elemento innato na súa vida ao ter unha familia moi conservadora, con outro igualmente ineludible, a súa identidade cultural e artística palestina. O curto se germinó en Madrid e alí no Rastro madrileño foi onde atopou a maior parte do decorado da curtametraxe. Despois a súa posta en escena e gravación fíxose entre Haifa, a maior cidade do norte de Israel, e as aforas de Jericó, cidade da rexión palestina de Cisxordania.

O galardoado director Basil Khalil, de 34 anos de idade, naceu e criouse en Nazaret, fillo de pai palestino e nai británica. Despois de estudar un Máster na academia de cinema de Escocia, Basil traballou en varias producións de televisión en Londres. En 2011 Screen International Magazine preséntao como "un dos 10 mellores realizadores árabes". A curtametraxe "Ave María" presentouse á sección oficial da 68 edición do Festival de Cannes e foi nomeado aos Óscar na categoría de mellor curtametraxe de ficción na edición número 88 do festival en 2016. Neste tempo competiu en máis de 65 festivais de 30 países, obtendo 14 premios e con excelentes críticas.

Luns 24 outubro | 20.30 h. | Auditorio Abanca Basil Khalil | 2015 | 14? | Palestina, Francia, Alemaña Sección Oficial Festival de Cannes 2015 Nomeado para o Óscar 2016 á mellor curtametraxe de ficción www.avemariafilm.com

bottom of page