Programación
LUNS 02 SETEMBRO, 21.00 H.
Teatro Principal, Pontevedra
ENTRE AS FIGUEIRAS
(Taht Alshajra) (FIC)
Erige Sehiri | 2022 | Tunisia, Francia, Suíza, Alemaña, Qatar | 92’
No noroeste de Tunisia, Sana, Fidé, Melek e Abdou traballan recollendo figos. Baixo o testemuño das árbores e co sol abrasador como pano de fondo, desenvolven novos sentimentos, discuten, coquetean e intentan entenderse. A horta convértese así nun teatro de emocións no que se representan os soños e as esperanzas de cada un deles.
DESCARGA AQUÍ
PROGRAMA COMPLETO
MARTES 03 SETEMBRO, 21.00 H.
Teatro Principal, Pontevedra
CONSPIRACIÓN NO CAIRO
(Boy from Heaven) (FIC)
Tarik Saleh | 2022 | Dinamarca, Finlandia, Francia, Suecia | 126’
Adam, fillo dun humilde pescador, emprende unha viaxe ao Cairo para estudar na prestixiosa Universidade de Al-Azhar, centro de poder do Islam sunnita. Sen ser consciente, o rapaz converterase nun peón do conflito entre as elites relixiosas e políticas de Exipto.
MÉRCORES 04 SETEMBRO, 21.00 H.
Teatro Principal, Pontevedra
O HOME QUE VENDEU A SÚA PEL
(The Man Who Sold his Skin) (FIC)
Kaouther Ben Hania | 2020 | Tunisia | 104’
Sam Ali, un mozo sirio sensible e impulsivo, abandona o seu país e diríxese ao Líbano para escapar da guerra. Con ese desexo de viaxar por Europa e reunirse co amor da sua vida, acepta tatuarse nas costas por un dos artistas contemporáneos máis destacados. Ao transformar o seu corpo nunha prestixiosa obra de arte, Sam dase de conta, pouco a pouco, de que a súa decisión implica todo o contrario ao que inicialmente anhelaba: a liberdade.
XOVES 05 SETEMBRO, 18.30 H.
Teatro Principal, Pontevedra
PEQUENA PALESTINA, DIARIO DUN ASEDIO
(Little Palestine, Diary of a Siege) (DOC)
Abdallah Al-Khatib | 2021 | O Líbano, Francia, Qatar | 89’
O distrito de Yarmouk, en Damasco, Siria, foi o campo de refuxiados palestinos máis grande do mundo ata 2018. O réxime de Bashar Al-Assad considerábao un refuxio para rebeldes e terroristas, e comezou unha campaña de asedio sobre o territorio a partir do ano 2013. Neste escenario entra en xogo Abdallah Al-Khatib, que xunto aos seus amigos documentaron a vida cotiá dos habitantes asediados, dando lugar a esta película.
XOVES 05 SETEMBRO, 21.00 H.
Teatro Principal, Pontevedra
O CAFTÁN AZUL
(Le Bleu du Caftan) (DOC)
Maryam Touzani | 2022 | Francia, Marrocos, Bélxica, Dinamarca, España | 122’
Halim, un xastre de mediana idade, dirixe coa súa muller un pequeno negocio na antiga medina de Salé, Marrocos. A relación entre eles, que agocha un gran segredo, vese afectada pola chegada dun mozo aprendiz, Youssef.
Carta do director
8 de setembro de 2023, 22 horas e 11 minutos da noite. A terra treme na cidade marroquí de Ighil, converténdose no epicentro da traxedia. A auga arrasa as pontes da cidade libia de Derna e borra os sorrisos daqueles aos que se lles impide, sistematicamente, ter motivos para sorrir. Un mes máis tarde as bombas destrúen os soños do sempre esquecido pobo de Palestina.
Hoxe Instagram está de loito e garda un reel de silencio. Mañá pasaremos o dedo cara a abaixo e sumirémonos nunha espiral de vídeos de 15 segundos e de amnesia provocada polo algoritmo. As noticias anestesian a nosa liberdade e converten en vítimas aos verdugos, conseguen que non sintamos a dor dos pobos cuxo único pecado somos nós. Non vos enganedes: o noso progreso págase coa sangue dos outros.
Ninguén está a salvo. Todos estamos en perigo, independentemente do lugar do mundo no que nacésemos. Enfrontámonos a perigos como o cambio climático, os extremismos ou o capitalismo salvaxe. Antes ou despois, todos seremos vítimas.
Nun mundo marcado pola ditadura da inmediatez, da atención limitada, de modas pasaxeiras e de encontros fugaces, as traxedias teñen data de caducidade. O que hoxe é tendencia, mañá será esquecido. A nosa cegueira colectiva impídenos ver as ameazas que nos axexan. Depende de nós construír un mundo no que poidamos sentirnos a salvo. Que non che digan o contrario: somos capaces de cambiar o mundo, pero custará moito máis esforzo que compartir unha foto nunha rede social.
Amal foi e segue sendo un encontro de culturas, un espazo no que a gran pantalla transfórmase en fiestra e esta abre unha porta ao intercambio, á empatía e ao entendemento. Temos a certeza de que hoxe, en moitos lugares do mundo árabe, só se pode soñar en branco e negro. Se ignoramos a dor dos demais, corremos o risco de que esta dor se converta en rabia e a rabia destrúeo todo.
Ghaleb Jaber Martínez.
Director da Semana de Cinema Euroárabe Amal