Amal en Ruta
AMAL en Ruta é un proxecto da ‘Fundación Araguaney-Puente de Culturas’, unha entidade sen ánimo de lucro que naceu en Santiago de Compostela no ano 1984 e cuxa misión principal é o achegamento cultural entre Oriente e Occidente, en concreto, entre o mundo árabe, América Latina e España.
O carácter itinerante da mostra ten como obxectivo achegar á sociedade a cultura árabe a través do cine, ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta realidade tan heteroxénea. Un proxecto que hoxe é máis necesario ca nunca, porque o coñecemento do ‘outro’ trae entendemento e respecto, dous elementos clave para avanzar na tolerancia e no progreso entre os pobos, e que AMAL en Ruta canaliza a través da cultura audiovisual.
A ‘Fundación Araguaney-Puente de Culturas’, converteuse ao longo destas catro décadas nun referente da vangarda audiovisual e do debate social en Galicia, así como nun exemplo de integración cultural. Entre as actividades que organiza destacan a Semana de Cine Euroárabe Amal -a máis antiga de Europa- e a Mostra de Cine Latinoamericano Araguaney-LATAM. Desde 2008 é membro da Alianza Global para a Diversidade Cultural da UNESCO.